lunes, 14 de marzo de 2011

POR QUÉ U-LO FLOCOS¿?!

É un dereito fundamental dos cidadáns dispoñer dunha oferta audiovisual diversa, gratuíta e de calidade e dunha información veraz, independente e plural, que garantice tamén o acceso universal a cultura e o entretemento, así como das posibilidades que abra a sociedade da información e o coñecemento do entorno dixital. É crucial para salvagardar a diversidade e identidade cultural, o pluralismo, a cohesión social, a promoción das libertades fundamentais e o propio funcionamento da democracia.

A desaparecida Axencia Audiovisual Galega creou no ano 2008 a videoteca online Flocos.tv. Tratábase dunha plataforma para impulsar e dar a coñecer o noso patrimonio audiovisual. Un servizo gratuíto único e pioneiro en España. Realizaba unha magnífica labor de recuperación de material inédito perdido, histórico ou escondido en filmotecas de toda a comunidade, así como de dar a coñecer as obras dos realizadores galegos actuais. Un punto de encontro e coñecemento da nosa propia filmografía.

Un sitio web con probada eficacia, e así falan os números: máis de 300 curtas dixitalizadas e outras tantas que agardaban selo, 2000 usuarios rexistrados ata o ano 2009, ano en que deixou de actualizarse e
máis de 500 visitas diarias. Unha ferramenta empregada pola xente do sector, os aficionados ao cinema e o público en xeral.

No ano 2009 deixou de actualizarse, gardandose nun caixón tódalas curtas, filmes, documentais, videoclips e videocreacións que esperaban darse a coñecer voluntariamente nesta web. O seu peche esta semana sen ningún tipo de explicación e razón, supón a perda dunhas das iniciativas máis eficaces, orixinais e funcionais coas que contaba a nosa comunidade. Unha ferramenta insustituible e un escaparate único para a difusión do noso patrimonio audiovisual.
Unha perda para a nosa cultura e o noso dereito de acceso a ela. Un ataque a nosa dignidade, o noso futuro e a nosa intelixencia. A desidia gubernamental bota ao lixo tempo, esforzo e cartos públicos, e mutila dun xeito abrumante o noso legado cultural, o legado de tódolos galegos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario